Na Televisión.

No ano 1985, nace 
Televisión de Galicia, 
e con ela empeza a andar o xermolo das primeiras industrias audiovisuais. Entre elas, a da dobraxe de películas ó galego. Roberto Vidal Bolaño participa como actor, director de sala e director artístico da produtora CTV-Galaxia neses primeiros pasos que a nova actividade artística empeza a dar en Galicia. Asume ese traballo non só como un medio de vida, senón como un labor profesional e artístico de primeira importancia para un proceso de normalización cultural e lingüística que empeza a pilotar a TVG, que emite a totalidade da súa programación en galego. A TVG será o primeiro medio de masas da historia de Galicia que se enfronte á necesidade de cubrir a totalidade da súa programación con todo o repertorio de roles da lingua, de amosala, polo menos virtualmente, como unha lingua plenamente normalizada.No 2001 participa como guionista e como actor na miniserie Un Mundo de Historias, unha produción da TVG consistente na adaptación de relatos da nosa literatura. Roberto Vidal Bolaño encargouse da adaptación de "Cara de Lúa", de Ánxel Fole, e de "O noxo" de Eduardo Blanco-Amor. Tamén estaba previsto que dirixise os episodios correspondentes a eses relatos, pero a súa enfermidade, diagnosticada no medio da rodaxe, apartouno desa posibilidade. Ademais dos guións destes dous episodios, Roberto Vidal Bolaño participou ata os seus últimos días no equipo de  dese proxecto da TVG.